27 de abril de 2009

Governo espanhol data a macrodepuradora de Coruxo para 2012

Apesar da maciça oposiçom vizinhal, os governos municipal, autonómico e estatal parecem decididos a levantar a macrodepuradora de Coruxo. Segundo informava hoje Atlántico Diario o Ministerio de Medio Ambiente espanhol já tem prontos os trámites normativos e orçamentários para pôr em marcha o projecto.

Para compreender um pouco mais a oposiçom à instalaçom da macrodepuradora colamos a seguir um breve texto assinado pola rede Galiza Nom Se Vende:

A macrodepuradora do Lagares custou máis de 30 millóns de euros hai tan só dez anos. 30 millóns de euros públicos que só serviron para estragar a xunqueira do Lagares, para destrozar as vidas de moitas veciñas e veciños de Coruxo, sometidos a penosas condicións de habitabilidade no seu barrio e nos seus fogares, e para perpetuar e elevar a niveis insoportables a contaminación da ría.

A “solución” que nos queren vender é a de volver facer o mesmo, tropezar na mesma pedra, sen abordar os verdadeiros problemas que impiden e impedirán o axeitado saneamento.

Queren construír unha nova, máis grande, máis cara e única para toda a cidade, en vez dunha rede de depuradoras menores, que poidan interactuar en caso de avaría dunha delas.

Non abordan os problemas fundamentais. O da separación de augas residuais e pluviais que, cando chove, superan o caudal máximo (por grande que sexa) asumible pola instalación, polo que se verten directamente ao río millóns de metros cúbicos sen depuración ningunha.

Non solucionan o problema da contaminación industrial ao non obrigar ás empresas a instalar pequenas depuradoras específicas para tratar os residuos que cada unha na súa actividade produce.

Non prevén a reutilización da auga depurada, que, ademais dun importante aforro, é garantía de que a depuración é correcta. Lonxe diso pretenden utilizar o mesmo emisario submarino da actual para verter as augas no medio da ría, enmascarando así a contaminación que, xa tamén eles parecen estar seguros, vai seguir producíndose.

Significa polo tanto perpetuar a contaminación da ría e un novo malgasto do diñeiro público nunha instalación que ademais, nun futuro non moi distante, estará ameazada pola subida do nivel do mar.

Sem comentários:

Enviar um comentário